Sunday 12 de May de 2024

31 motivos para probar o Vermú de Inverno


Os sábados e domingos desde o 4 de novembro ata o 10 de decembro gozarás coma nunca do aperitivo nunha ruta de bares por todo o concello

Prepárate para a ruta Vermú e Inverno, coa oferta máis saborosa da hostalaría local. Do 4 de novembro ao 10 de decembro convidámoste a percorrer o concello de Carballo e a probar diferentes vermús galegos acompañados dunha tapa de culler. Todos os sábados e domingos, de 12.00 a 14.00 horas, poderás degustar o Vermú de Inverno en 31 establecementos de hostalaría de sete parroquias.

Ademais, esta iniciativa da Concellaría de Promoción Económica e Turismo ten premio: unha viaxe para dúas persoas a Tarragona, onde, á parte de gozar dunha estancia dunha fin de semana en réxime de media pensión, visitarán o Museo do Vermut de Reus.

Se es maior de idade xa podes participar. É moi doado. Recolle o pasaporte do Vermú de Inverno en calquera dos establecementos participantes e empeza a percorrer o concello. En cada local no que fagas unha consumición de vermú galego conseguirás un selo no pasaporte. Ten en conta que para participar no sorteo final debes presentar como mínimo 12 selos de diferentes bares de 3 parroquias distintas. Unha vez conseguido o obxectivo, entrega o teu pasaporte no Museo de Bergantiños.

O sorteo será público e anunciarase a súa data coa suficiente antelación na paxina web do Concello de Carballo, www.carballo.gal, e nas redes sociais de Turismo Carballo e Concello de Carballo, onde tamén se publicarán os resultados.

Presentación

O Vermú de Inverno presentouse hoxe na Escola de Hostalaría do Fórum Carballo, coincidindo cunha xornada de formación para os/as hostaleiros/as participantes, impartida por Alberto Varela, “a persoa que máis sabe de viños e de vermús”, asegurou o concelleiro de Promoción Económica e Turismo.

Xosé Regueira explicou que un dos obxectivos da iniciativa é dinamizar a hostalaría nunha época de baixón da actividade despois do verán e antes do Nadal, poñendo en valor ao mesmo tempo a cantidade, variedade e calidade do vermú galego e fomentando a cociña tradicional a través das tapas de culler, con pratos tradicionalmente vinculados ao inverno. E, ademais, preténdese propiciar unha maior mobilidade entre parroquias, e poñer as ferramentas para que os locais sexan quen de fidelizar ás súa clientela e captar novos usuarios e usuarias.

O alcalde, Evencio Ferrero, puxo en valor a hostalaría carballesa e animou ao sector a aproveitar a campaña para gañar en visibilidade e clientela.

Aquí tes a listaxe de establecementos participantes, para que poidas ir preparando a túa propia ruta:

A Lareira (Carballo)

A Nova Ferradora (Carballo)

A Vermutería (Carballo)

Albaroque (Carballo)

Arnados (Razo)

Asador Río Sil (Carballo)

aXamonería (Carballo)

Bar Bardanca (Oza)

Bar Fergo (Cances)

Bar Ramón (Razo)

Café Bar Caracola (Bértoa)

Café Bar Gran Vía (Carballo)

Café Bar Infinito (Carballo)

Café Bar Os Delfíns (Noicela)

Cafetería A Estación (Carballo)

Cervecería Amsterdam (Carballo)

Cervecería d’pereira (Noicela)

Cervecería La Bombonera (Carballo)

Dubra Café (Carballo)

Korner (Carballo)

Marabú Carballo (Carballo)

Mesón A Cabaña (Carballo)

Mundo Milanesa (Carballo)

Namasté India (Carballo)

O Cordobés (Razo)

O Logradouro (Carballo)

Restaurante Mesón do Pulpo (Carballo)

Restaurante Pensua Punta del Este (Carballo)

Restaurante San Lorenzo (Verdillo)

Tasca O Chorís (Carballo)

Trattoría Pizzería Vesuvio (Carballo)